Thursday 28 de March de 2024

Medio Ambiente e o Concello de Padrón asinan o convenio polo que se investirán 250.000 euros no saneamento de catro parroquias


As actuacións previstas permitirán levar a cabo a ampliación das redes existentes, a execución dunha separativa e a anulación de varias foxas sépticas
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo a mellora do servizo de saneamento en catro parroquias deste municipio: Herbón, Aduana, Paraíso e Palomar.

Cun investimento máximo de 250.000 euros que asumirá Augas de Galicia, este acordo permitirá estudar as actuais instalacións de saneamento e depuración destes núcleos e levar a cabo a ampliación das redes de saneamento xa existentes, a execución dunha nova rede separativa e a anulación de foxas sépticas.

O convenio asinado enmárcanse na constante revisión que fai Augas de Galicia da calidade do dominio público na Demarcación Galicia-Costa a través do Plan de Control de Vertidos. Un traballo de supervisión e control que permitiu detectar deficiencias nas infraestruturas de saneamento de certas parroquias do concello coruñés e que, grazas aos investimentos comprometidos pola Xunta a través deste convenio, poderán quedar resoltos.

Así mesmo, Augas de Galicia está a colaborar de forma constante co concello de Padrón na mellora do estado dos ríos que atravesan este concello e dos servizos municipais de saneamento e abastecemento. Así, actualmente ten en execución a obra para a reparación de danos no azud da canle de derivación do río Sar, cun orzamento de 58.157,09 euros, e no ano 2015 executou a obra de estabilización de taludes no mesmo río, cun orzamento de 306.023,27 euros.

Do mesmo xeito, estase elaborando o plan específico para a xestión das inundacións na Área con Risco Potencial Significativo de Inundación Río Ulla-Sar, cun orzamento de 160.238,32 euros, co fin de determinar as actuacións máis prioritarias para a redución do risco de inundacións nos ríos Ulla e Sar ao seu paso por Padrón.